Coa implicación de máis de 50 institucións de seis países e un orzamento de 12 millóns de euros achegados pola Misión Suelo de Horizonte Europa, este verán botou a andar o proxecto LivingSoiLL (Healthy Soil to Permanent Crops Living Labs), do que a Universidade de Vigo é socia. Coordinado pola Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro, o obxectivo desta iniciativa é avanzar cara un novo paradigma de xestión do solo, que o protexa da degradación vinculada á intensificación das prácticas agrícolas. Xunto coa UVigo están implicados organismos de Portugal, España, Francia, Italia, Polonia e Bélxica. Por parte de España forman parte do consorcio tamén a Universidad de Jaén, o Instituto Andaluz de Investigación e Formación Ifapa, as empresas Grupo Consule, Adegas Moure, Bodegas Terras Gauda e Nutesca, a asociación INFAOliva, as cooperativas JaenCoop e Agro-Alimentaria de Andalucía, e as fundacións Caja Rural de Jaén e Centro de Innovación Citoliva. Como asociados están a Deputación de Jaén e a Junta de Andalucía.
