Net4Food é un proxecto europeo que se desenvolverá ata finais de 2025 con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder, sendo o seu orzamento total de 688.264 euros. Ao longo do proxecto, os seus socios analizarán, capitalizarán e sistematizarán o coñecemento innovador existente como base para orientar a acción da rede e do futuro Iberian FoodTec Lab e crearán a estrutura operacional básica desta rede, garantindo a súa viabilidade alén do proxecto. Ademais, articularán novos procesos de transferencia, favorecendo o xurdimento de novos produtos e interrelacionando os diferentes axentes do ecosistema de I+D+i alimentario na eurorrexión para xerar novas sinerxías entre eles.
A participación de Universidade de Vigo no proxecto, canalizada a través do seu Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e en liña co proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga, será, indican os seus responsables, “fundamental como dinamizador do ámbito académico agroalimentario de Galicia, mellorando a colaboración científica, a transferencia de coñecemento e a valorización de recursos endóxenos da eurorrexión”. Especificamente e entre outras accións, a UVigo será coordinadora do desenvolvemento do plan estratéxico da rede e da liña de traballo en capacitación e valorización do talento a través do desenvolvemento de seminarios, a organización dun congreso Interfood e a xestión de intercambios académicos.