Na iniciativa participan a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense
Co reto de contribuír a fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero, desde setembro de 2019 a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) participan no proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción). Este luns, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu o evento final da iniciativa en Ourense, que en agosto rematará a súa actividade. Nel fíxose un balance positivo da súa actividade a prol de rachar a fenda aínda existente entre homes e mulleres á hora de crear o seu propio emprego ou negocio.
Elena Rivo, investigadora principal por parte da UVigo en Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN!, lembrou como este proxecto naceu para “fomentar o emprendemento feminino a calquera idade” tendo en conta que só en Europa “o 35% do emprendemento é feminino, cando somos a metade da poboación”. A profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense destacou a boa acollida desta iniciativa entre institucións e participantes e fixo un balance positivo do desenvolvemento da súa actividade a pesar de que a pandemia, indicou, obrigou a adaptar a programación ás circunstancias vividas. Pola súa banda, Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, salientou que a participación neste proxecto “é un orgullo para a CEO porque este tipo de traballos dan continuidade á colaboración, á traxectoria que temos de tan ampla colaboración, tanto coa Universidade como coa Deputación” en eventos que, recalcou, teñen como “fin último a creación de emprego, de empresas, a consolidación do tecido empresarial e a mellora da súa competitividade”.
Por último, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou que este proxecto e o evento celebrado este luns poñen “de relevo a forma de traballar desde Ourense utilizando a colaboración público-privada pero sobre todo o talento do noso campus”. Nun “escenario cheo de dificultades pero de enormes posibilidades” que se abre tras a pandemia no contexto europeo, dixo, “é moi importante ter interlocución directa coas institucións comunitarias e o acto de hoxe é reflexo claro desa capacidade de interlocución e desa capacidade de xerar fondos e de materializalos en proxectos”.