RemixED. Plataforma reúne recursos educativos sobre xestión do estrés en colexios e institutos

Unha plataforma web na que se reúnen un conxunto de actividades e ferramentas para que o profesorado das etapas educativas previas á universitaria poida formarse e implantar na aula diferentes iniciativas centradas no manexo do estrés. Este será un dos principais resultados do proxecto europeo RemixED, no que participan investigadores e docentes de España, Dinamarca e Chipre, entre os que se atopan as e os integrantes do grupo Sepcom, da Facultade de Comunicación da UVigo. Coordinado polo grupo de investigación en Tecnoloxías Interactivas e Distribuídas para a Educación da Universitat Pompeu Fabra (UPF), RemiXED celebra a súa reunión de peche na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, centrada tanto en abordar posibles melloras nesta plataforma, como na posta en común das actividades desenvolvidas en diferentes centros de ensino ao longo dos últimos dous anos.

Financiado polo programa europeo Erasmus+, no proxecto participan tamén, xunto a UPF e UVigo, a Universidade Europea de Chipre e tres centros escolares, o colexio SEK-Atlantico de Poio, o Centro de Estudios Dolmen de Cataluña, o Lykeio Archangelou Apostolos Markos chipriota e a 10.klasseskolen danesa, así como a empresa social ML Communicate. Centrado en contribuír ao desenvolvemento profesional do profesorado, a través do traballo con recursos educativos abertos centrado no manexo do estrés e autorregulación, RemixED contou coa participación dos investigadores do grupo Sepcom Alberto Dafonte, Juan Manuel Corbacho, Diana Ramahí, Oswaldo García e Silvia García Mirón, responsables tanto de realizar, explican, “unha análise da plataforma, desde o punto de vista da accesibilidade e usabilidade”, como das iniciativas de difusión do proxecto.

Unha plataforma para a creación de novos recursos

Como explica o investigador da UPF e director de RemixED, Marc Beardsley, o proxecto buscaba pór o foco nun aspecto “dunha grande importancia”, como é que o estudantado adquira coñecementos e habilidades para a xestión do estrés, tendo en conta que “boa parte da educación tradicional”, sinala, puña o foco na adquisición de coñecementos e non tanto de habilidades sociais ou emocionais. Esta situación, recoñece, “cambiou un pouco” e estas cuestións “están gañando importancia”, pero mesmo na súa abordaxe “non se fai o suficiente énfase no estrés”, a pesar de que este non só “interfire coa aprendizaxe” senón que pode derivar na adopción de “malos hábitos a longo prazo”. 

De aí que un dos resultados sexa unha plataforma de elearning, que se atopa en fase de implantación de melloras e que reunirá un conxunto de recursos educativos abertos. Como explica Alberto Dafonte, coordinador deste proxecto na UVigo, este espazo reúne por unha banda máis de 200 actividades, “que son recursos soltos creados en proxectos anteriores”, xunto cun “apartado de leccións”, no que se presentan resultados da implantación en centros de ensino deste proxecto, que abrangueu tanto a formación de docentes como a posta en práctica na aula dos recursos creados por estes.

Ler a nova completa no DUVI