O pasado 18 de novembro, tivo lugar en Metz, Francia, a reunión inaugural do proxecto GreenEURproject, financiado polo programa Erasmus+ KA2 cun orzamento de 250.000 € e unha duración de 27 meses. Este proxecto ten como obxectivo principal avaliar e reducir a pegada ambiental dos proxectos europeos a través de ferramentas innovadoras, como unha calculadora de impacto ambiental, unha etiqueta verde de sustentabilidade e un manual de boas prácticas.
O evento, organizado pola Université de Lorraine, institución coordinadora do proxecto, reuniu representantes de todas as entidades socias do consorcio:
- Université de Lorraine (Francia)
- Universidade Técnica de Eskişehir (Turquía)
- Universidade de Vigo (España)
- Universidade Vytautas Magnus (Lituania)
- Fundación Universidade Europea (EUF)
Por parte da Universidade de Vigo, participaron os investigadores Miguel Rodríguez Méndez e Marina Gómez Rodríguez, encargados do desenvolvemento da análise cualitativa do proxecto.
A xornada, que seguiu a axenda do evento, comezou cun percorrido pola cidade de Metz, seguido da benvida oficial e a presentación do proxecto e das súas actividades. Durante a reunión, abordáronse temas clave como o deseño do sitio web e o logotipo do proxecto, as normas administrativas para a implementación e as bases metodolóxicas cuantitativas e cualitativas para a avaliación dos impactos ambientais. Tamén se dedicou tempo á planificación da plataforma tecnolóxica que dará soporte ao proxecto e á definición dos indicadores clave de sustentabilidade.
O GreenEURproject busca capacitar líderes e avaliadores na xestión sostible de proxectos europeos, aliñándose coas políticas da Unión Europea en materia de sustentabilidade ambiental.


A próxima reunión dos socios do consorcio está prevista para 2025, onde se presentarán os primeiros avances e resultados do proxecto.