RightsEU. UVigo formará docentes de FP en dereitos sociais da UE

Converter o profesorado de formación profesional en embaixadores da UE, en  transmisores dos seus obxectivos e do seu funcionamento e, sobre todo, dos dereitos sociais e laborais da cidadanía. Esta é a finalidade do proxecto europeo RightsEUThe central role of the European Union’s social rights in employment in the Twenty-First Century (O papel central dos dereitos sociais da Unión Europea no emprego no século XXI), que acaba de ser concedido á UVigo no marco do programa Jean Monnet.

Esta iniciativa, que foi presentada este xoves oficialmente no edificio Redeiras, xurde como resposta ás fendas identificadas respecto dos valores democráticos esenciais da Unión Europea. O obxectivo, como explica a súa coordinadora, Emma Rodríguez, profesora da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, é “abordar estas necesidades específicas que contribúen a construír sociedades diversas e inclusivas a través da educación e o seu reflexo no emprego sostible”. En concreto, RightsEU centrarase en formar o persoal docente dos centros de educación e formación profesional (FP) mediante a planificación, organización e impartición de contidos específicos da UE. Isto inclúe un enfoque na promoción e o fomento de aspectos esenciais como a igualdade e a non discriminación, a transformación dixital e a intelixencia artificial, a crise climática, o emprego verde, os valores comúns, o compromiso cívico e a inclusión social. 

Formación para abordar desafíos

Segundo Rodríguez, “os sistemas de educación e formación necesitan unha transformación para abordar os desafíos que presentan os novos sistemas de produción e consumo emerxentes. O emprego, como beneficiario destes novos valores, require profesionais formados en competencias e habilidades estreitamente relacionadas cos dereitos sociais da Unión Europea. A dixitalización, o emprego verde e a igualdade e a inclusión son os referentes principais deste proxecto, que ten como obxectivo integrar e reforzar estes conceptos nos percorridos educativos dos programas dos centros de Formación Profesional (FP)”.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto contará cun orzamento de 375.000 euros e 36 meses de duración. Están implicados na iniciativa o Centro Integrado de Formación Profesional Coia de Vigo, Centro Integrado de Formación Profesional A Carballeira de Ourense e formadores do Centro de Emprendemento e Formación Profesional de Viana do Castelo en Portugal, o que segundo a coordinadora “permitirá ter docentes con estudantes de perfís diversos nas súas traxectorias formativas, unha importante segregación de xénero, así como estudantes de diversas idades e circunstancias profesionais. A cuestión transfronteiriza é particularmente crucial nas futuras carreiras de moitos destes estudantes”.

Ler a nova no DUVI

Ler a nova na web da Fundación CEER