O seu obxectivo é fomentar a práctica de actividade física nas persoas maiores
Deseñar e levar a cabo torneos deportivos ideados para persoas maiores de 65 anos, co propósito de coñecer a influencia que ten a competición como factor de motivación cara a práctica de actividade física é un dos obxectivos do proxecto europeo In Common Sports+: Fit, Food and Fun for Elderly!, do que forma parte o grupo de investigación HealthyFit da Universidade de Vigo. Financiado polo programa europeo Erasmus+ Sports e coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, este proxecto celebra, hoxe xoves e mañá venres, a súa segunda xuntanza internacional en Sanxenxo, onde promoveu nesta xornada unhas “olimpíadas sénior” nas que participaron preto de 200 maiores.
Como explica o investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela, un dos propósitos deste proxecto é “coñecer a adherencia e a motivación que se xera nas persoas maiores a través da competición”, o que leva á posta en marcha de torneos de “deportes adaptados” como o que tivo lugar no pavillón municipal de Baltar, na que tomaron parte 170 participantes no programa da actividade física para maiores deste municipio e un grupo de 30 veciños de Vila Nova de Cerveira.
Xunto a esta Cámara Municipal e o grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o proxecto ten como socios ao Instituto Politécnico de Viana do Castelo, ao municipio italiano de Cesena, á asociación Zoldpont de Hungría, ao municipio búlgaro de Aksakovo e ao Instituto Público de Deportes da localidade eslovena de Nova Gorica. Todos eles están representados nunha reunión dirixida a abordar as diferentes liñas de traballo dun proxecto que analiza como fomentar a práctica deportiva entre as persoas maiores. O Centro Cultural Casa Mariñeira Don Fernando de Portonovo é a sede dun encontro, ao que se sumou este xoves a recepción aos participantes por parte dos concelleiros de Deportes, Daniel Arosa, e Urbanismo, Flavia Besada. Así mesmo, o evento contou tamén coa visita de representantes das cámaras municipais de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Valença e Monçao, co propósito de coñecer as dinámicas dos xogos ante a futura participación destes municipios noutro das competicións do proxecto.