Unhas xornadas afondan nas novas oportunidades de financiamento europeo

As sesións comezaron en Ourense e continuarán en Vigo e Pontevedra.

A Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa (OPI) da Universidade de Vigo celebrou esta semana nos tres campus as Xornadas informativas Novas oportunidades de financiamento europeo 2025: proxectos educativos innovadores. A primeira sesión, que se puido seguir tamén de xeito virtual, tivo lugar o mércores 11 no edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense e nela presentáronse en detalle as convocatorias de proxectos Erasmus+ 2025 e Europa Creativa, abordando as oportunidades para captar financiamento que ofrecen, as súas accións específicas e cambios relevantes nelas.

A programación arrancou cunha benvida a cargo de Mónica Villanueva, directora de Área do campus de Ourense, e Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación (OPI), quen expuso as novidades das convocatorias europeas de proxectos Erasmus+ 2025 e o calendario de presentación de propostas Erasmus + KA2, KA3 e Jean Monnet e das novas convocatorias do Programa Europa Creativa. Pola súa banda, Diego Fernández, técnico de Promoción de Proxectos Internacionais de Investigación e Educación (OPI Ourense) abordou os Erasmus Mundus, Capacity Building e Accións Jean Monnet no ámbito da educación superior. Por último, Elena Martínez, a profesora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense presentou o proxecto Tecbiofood, que coordina, destacándoo como exemplo de boas prácticas en proxectos CBHE.

As sesións continuarán o xoves, con programa similar, no campus de Vigo, na aula de grao da Escola de Enxeñaría Industrial, de 09.30 a 11.15 h, e no campus de Pontevedra, no seminario 13 da Facultade de Comunicación, de 12.30 a 14.30 h. Ambas sesións poderán seguirse tamén en liña.

Ler a nova no DUVI