O Proxecto UP2YOU continúa co seu traballo para promover o desenvolvemento sostible e inclusivo a través do modelo de cuádruple hélice. Nesta ocasión, os socios reuníronse en Estrasburgo para a segunda reunión transnacional do equipo do proxecto, os días 11 e 12 de xuño de 2024. O obxectivo de UP2YOU é promover o desenvolvemento sostible e inclusivo das comunidades locais mediante enfoques participativos e multidisciplinares, integrando a colaboración entre o mundo académico, industria, Administración e sociedade civil.
O consorcio está formado pola UVIGO Universidade de Vigo (España), coordinador do proxecto, FCAT Fondazione Comunitaria di Agrigento e Trapani (Italia), CSI Center for Social Innovation – Ltd (Chipre), SEGA Coalition of Youth Organizations Sega Prilep (Macedonia del Norte), CEKDEV International Education and Development Academy (Turquía), LCU Link Campus University (Italia) e Association Européenne pour la Democratie Locale-ALDA (Francia). O encontro, organizado por ALDA en Estrasburgo, reuniu a membros do equipo de traballo de todas estas organizacións para revisar o progreso do proxecto e comezar a desenvolver os cinco novos micro cursos deseñados para axudar a adquirir as habilidades necesarias para acadar os obxectivos do proxecto, ademais de perfilar os pasos a dar nos vindeiros meses.

Durante o primeiro día, os socios do proxecto UP2YOU participaron nunha serie de actividades clave. A xornada comezou cunha visita ao Consello de Europa organizada por ALDA. Despois os socios repasaron as tarefas realizadas dentro do Paquete de Traballo 2 (WP2) “Community Leadership Program”. Cada socio presentou os resultados e conclusión dos obradoiros realizados nos últimos meses, e traballaron no co-deseño dos cinco mini cursos a elaborar, que foron asignados para o seu desenvolvemento aos socios segundo os seus coñecementos e experiencia previa nos temas a tratar. O día concluíu cunha visita ao Parlamento Europeo.
O segundo día comezou cun resumo das actividades do primeiro día, seguido dunha presentación do Paquete de Traballo 3 (WP3) sobre participación, compromiso e identificación das Partes Interesadas, dirixido por ALDA. Tamén se expuxeron os avances en comunicación e difusión (WP5) e se avanzaron parte dos traballos a realizar dentro do Paquete de Traballo 4 (WP4), dirixido por CEKDEV.
A reunión concluíu cunhas observacións finais e a planificación dos próximos pasos presentadas pola Universidade de Vigo. Este encontro foi decisivo para aliñar estratexias, compartir avances e fortalecer a colaboración internacional na procura dun desenvolvemento sostible e inclusivo para as comunidades locais.
Siga as redes sociais do proxecto e visite o seu sitio web para obter máis información e actualizacións.