Socios de seis países -España, Italia, Chipre, Macedonia, Turquía e Francia- participan esta semana en Vigo na reunión de lanzamento do proxecto europeo Up2You, un traballo dirixido a fomentar a cooperación entre as universidades, a administración pública, as empresas e a sociedade na promoción do desenvolvemento sostible e inclusivo das diferentes comunidades locais. Financiado pola Unión Europea con 400.000 euros e coordinado desde a Universidade de Vigo, a idea é pór en marcha múltiples actividades, desde cursos con formatos innovadores ata laboratorios de innovación, que apoien a colaboración a longo prazo nos sectores de educación superior e de organización da sociedade civil para a promoción dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, ODS.
“No grupo de investigación Organización do Coñecemento levamos anos traballando na idea de desenvolver sinerxías entre os ámbitos académico e social”, explica o profesor e investigador da Universidade de Vigo Tony Crespo, coordinador xeral do proxecto, que foi o encargado de darlle a benvida aos asistentes, xunto coa directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea. A xuntanza prolongarase ao longo deste mércores e xoves no edificio Redeiras.

Actividades abertas ao conxunto da sociedade
Tal e como explicou Crespo a proposta xurdiu dos resultados de varios proxectos de investigación previos “e da posibilidade que nos daba esta convocatoria Erasmus+ da UE de colaborar con institucións educativas de outros países”. Os socios centraranse agora, segundo explicou, no desenvolvemento e intercambio de información sobre os resultados da implantación de prácticas de aprendizaxe inclusivas e sustentables desenvoltas de xeito colaborativo entre todas as partes interesadas e que sexan de aplicación a todas as comunidades locais.