UVigo e AJE-Pontevedra distinguen as catro mellores ideas de negocio da economía social

Un negocio de comercialización de prendas de roupa e complementos “artesáns, sostibles, de comercio xusto; un centro de educación infantil especializado en programas de apoio e reforzo asistido por diferentes animais; un proxecto que aposta pola inclusión de dispositivos de realidade aumentada na práctica deportiva e unha proposta que se centra na compravenda, alugueiro e reparacións de bicicletas usadas. Estas son as catro ideas de negocio que este martes se proclamaron gañadoras do concurso Crea Economía social, que impulsa a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra).

O obxectivo deste certame é promover que tanto as e os integrantes da comunidade universitaria como os emprendedores e emprendedoras apliquen os seus coñecementos e experiencia no desenvolvemento de “servizos e produtos que sexan viables economicamente e, á vez, socialmente útiles”. A entrega dos galardóns contou coa presenza de María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra e Jesús Rey, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra).

Catro propostas premiadas, catro ideas de futuro
O concurso comprende catro premios e outros tantos accésits ás mellores ideas de negocio centradas en cada unha das catro áreas do Campus Crea: artes, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar e medio ambiente e natureza.

Ler a nova completa no DUVI