A firma de moda Versace acaba de poñer en marcha unha iniciativa en redes sociais (X, Instagram, Facebook e LinkedIn) na que emprega imaxes obtidas na Universidade de Vigo e no CIC biomaGUNE para amosar a beleza intrínseca das nanopartículas de ouro, un metal moi representativo desta marca italiana dende os seus inicios.
Este proxecto editorial en redes sociais convida a reflexionar sobre o concepto da beleza a distintas escalas, en formas pouco convencionais e en lugares inesperados e reivindica as imaxes científicas para este fin. En concreto, Versace seleccionou imaxes de nanopartículas de ouro sintetizadas nos laboratorios dirixidos polo investigador do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e do Ikerbasque no CIC biomaGUNE, Luis Liz-Marzán. Trátase dun conxunto de fotografías que amosan a outra cara da beleza do ouro, tomadas mediante microscopía electrónica nos laboratorios de ambas institucións e no da profesora Sara Bals, da Universidade de Amberes (Bélxica).