HERA. Vigo participa nun proxecto internacional que fomenta a aprendizaxe baseada en xogos entre o alumnado de enxeñaría e economía

A Universidade de Vigo é un dos cinco socios do proxecto europeo HERA, Higher Education Re-engineering through Active Learning for Growth, un traballo financiado con preto de 300.000 euros (Erasmus+) que ten como principal obxectivo desenvolver entre o alumnado de educación superior en enxeñaría e economía habilidades de resolución de problemas a través dun enfoque educativo baseado en xogos. A idea é desafiar a estas mozas e mozos, chamados a ser os líderes do futuro, a combinar habilidades de diversas materias para resolver algúns dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual e que van desde o crecemento sostible, a mitigación do cambio climático ou loita contra a pobreza ata cuestións relacionadas con saúde mundial.

“Queremos desenvolver xogos que poidamos utilizar entre o estudantado, principalmente de enxeñaría e empresariais/económicas, para desenvolver competencias transversais”, explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Manuel Caeiro, responsable do proxecto na UVigo. “Buscamos sobre todo desenvolver o traballo en equipo, habilidades para a resolución de problemas, pero tamén que tomen conciencia da complexidade que supoñen os problemas reais e os retos aos que se enfrontan as sociedades actuais”, recalca o docente.

Ler a nova completa no DUVI