Xornadas para impulsar proxectos de economía social

Presentar ao alumnado unha diagnose da situación xeral na que se atopan en Galicia diferentes sectores económicos, así como os pasos que deberían dar para impulsar empresas de economía social nestes eidos e as ferramentas que teñen á súa disposición. Este foi o obxectivo dos diferentes coloquios promovidos nos últimos días en diferentes facultades e escolas do campus, no marco dun programa promovido pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra), xunto coa Universidade de Vigo e financiado pola Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e que conta co financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.

Complementadas á súa vez con postos informativos sobre este programa de actividades para o impulso do cooperativismo e a economía social, a primeira das xornadas programadas estivo centrada no sector da biomasa, mentres que a segunda tiña como eixe os produtos do mar. En ambos casos, levouse a cabo en primeiro termo a presentación dunha “guía práctica”, na que se identifican “sectores e características clave” en cada área, para logo amosar tamén os pasos e ferramentas existentes e exemplos de casos de éxito. Seguindo ese mesmo esquema, o programa continuaba esta semana cun encontro centrado nas industrias culturais e creativas, tras o que ao longo deste martes tiveron lugar as dúas últimas xornadas, que puxeron o foco nas novas tecnoloxías e a intelixencia artificial e nos produtos de proximidade.

O seu obxectivo, como sinala José María Cancela, coordinador da Rede Eusumo na UVigo, “era presentar unha diagnose de cada contorna a nivel económico, identificar as súas fortalezas e debilidades e a partir de aí definir estratexias para levar a cabo empresas de economía social, como cooperativas, que poidan desenvolver a súa actividade no ámbito rural”. Segundo engaden desde a consultora responsable do proxecto, o obxectivo destas xornadas era tamén servir como punto de partida para a creación de “núcleos de colaboración en diferentes eidos sectoriais”, centrados nas industrias culturais e creativas, no sector agroalimentario e nas novas tecnoloxías, que poidan participar, a través dunha “plataforma híbrida”, en actividades de asesoramento e seguimento dos proxectos.

Ler a nova no DUVI