Dende o ano 2000, a Unión Europea concedeulle á Universidade de Vigo unha trintena de proxectos europeos no marco do programa Jean Monnet, o que supuxo para a institución académica a captación de máis dun millón de euros, en concreto 1.176.672 euros en 29 proxectos.
Ao longo deste tempo, a UVigo puido poñer en marcha un centro de excelencia, que xa obtivo tamén a renovación, coordinado por Luis Domínguez, catro cátedras, dúas concedidas tamén a Luis Domínguez e outras dúas a Celso Cancela, 18 módulos Jean Monnet, unha rede e catro proxectos, o último deles presentado en outubro, RightsEU, coordinado pola profesora Emma Rodríguez cuxo obxectivo é formar docentes de FP para que sexan transmisores dos dereitos sociais da Unión Europea. Ademais, este proxecto é o primeiro que se lle concede á UVigo que ten carácter transfronteirizo.
Eva Garea, directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación e doutora en Unión Europea, explica que o programa Jean Monnet permitiu desenvolver na UVigo “iniciativas que promoven a docencia e o estudo de temas relacionados coa Unión Europea e a integración europea, que axudan a formar estudantes e académicos centrados na UE e nas súas políticas”. Na súa opinión, isto é especialmente importante “nun contexto no que comprender a UE é fundamental para o futuro de España, Galicia e o seu papel en Europa, así como para preparar o estudantado para un mundo cada vez máis interconectado”.
Entre outros temas, no Centro de Excelencia, as cátedras, módulos e proxectos Jean Monnet abordáronse os principais temas europeos, como a historia da construción europea, as relacións exteriores da UE, as políticas de cohesión, os dereitos fundamentais e o dereito social comunitario, os menores desprotexidos, a liberdade de circulación na UE e o mercado laboral, o medio ambiente e o Green Deal, a economía azul sostible ou o poder financeiro na UE, entre outros temas relevantes europeos. Máis recentemente, a UVigo tamén se uniu á rede Jean Monnet ENDE sobre a adaptación da UE ao reto da dixitalización e a gobernanza electrónica.
Como explica Garea, “as actividades formativas realizadas no marco das nosas accións Jean Monnet non só enriquecen a formación académica dos estudantes, senón que lles proporcionan ferramentas para comprender mellor o funcionamento da UE, as súas políticas e o seu impacto na vida cotiá, fomentando valores como a cohesión, a diversidade e cidadanía activa. Ademais, o programa Jean Monnet promove a colaboración entre universidades, expertos Jean Monnet e centros de investigación de diferentes países, o que pode dar lugar a intercambios académicos e oportunidades de traballo en rede para estudantes e profesores, así como a captación de novos fondos europeos. Isto contribúe a unha maior internacionalización da Universidade e á creación dunha comunidade académica máis diversa e enriquecedora, en definitiva, máis coñecedora da Unión Europea”.
Luis Domínguez, un pioneiro do programa Jean Monnet
O catedrático Luis Domínguez, do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, foi un dos docentes pioneiros en implicarse nas accións do programa Jean Monnet. Coordinador do Centro de Excelencia, director de dúas cátedras e responsable de varios módulos e proxectos, lembra que a chegada á presidencia da Comisión Europea de Jacques Delors, en 1985, representou un fito no proceso de construción europea. Foi baixo o seu mandato cando se puxo en marcha o programa Jean Monnet para cofinanciar a docencia de materias universitarias relacionadas coa construción europea. Pero a Comisión Delors tamén foi a responsable de adoptar a bandeira e o himno do Consello de Europa (hoxe Unión Europea) e da posta en marcha o programa Erasmus.
Celso Cancela, á fronte da Cátedra European Institutions and Citizens
O profesor Celso Cancela, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, dirixe actualmente a Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens. Adapting the EU to the Digitalisation Challenges. Ao igual que Domínguez, conta cunha ampla traxectoria coordinando actividades dentro do programa Jean Monnet e, polo tanto, cunha interesante visión histórica. “Hai 25 ou 30 anos apenas se prestaba atención sistemática e profunda á Unión Europea nos estudos universitarios, pero as diferentes accións Jean Monnet permitiron ofrecer unha formación relativamente especializada en eidos diversos e mesmo incorporar materias específicas sobre a integración europea ao currículo do alumnado”. Ao mesmo tempo, destaca, “estas accións tamén incentivaron a investigación e a creación de redes de colaboración, tanto no ámbito intra-universitario coma no inter-universitario”.
Ler a nova no DUVI