Coordinado pola Universitat Pompeu Fabra
Seleccionado na convocatoria do programa europeo Erasmus+ para o desenvolvemento de proxectos de educación, formación, xuventude e deporte, RemixED ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento profesional do profesorado das etapas educativas previas á universitaria a través do traballo cunha serie de recursos educativos abertos centrados no manexo do estrés e a autorregulación. Coordinado polo grupo de investigación en Tecnoloxías Interactivas e Distribuídas para a Educación (TIDE) da Universitat Pompeu Fabra (UPF), este proxecto reúne investigadores e profesorado de España, Dinamarca e Chipre, entre os que se atopan cinco integrantes do grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
“Este proxecto pretende dotar ao profesorado das habilidades do que se denomina deseño universal de aprendizaxe, ou sexa, como planificar as túas clases para que poidan aplicar, dunha maneira transversal na súa docencia, coñecementos que teñan relación coa xestión do estrés ou coa inclusividade”, salienta Alberto Dafonte, coordinador da participación da UVigo neste proxecto. Dirixido polo investigador do grupo TIDE Marc Beardsley, RemixED ten como obxectivo “desenvolver un enfoque de deseño de aprendizaxe en equipo para o desenvolvemento profesional dos profesores”, segundo sinalan os seus responsables. Para iso, búscase que os educadores e educadoras participantes no proxecto “adapten e melloren” o material desenvolvido para os 30 “conxuntos de leccións piloto” do proxecto previo Spotlighters, tamén coordinado por este investigador da UPF e financiado polo programa Erasmus+.
O traballo con estes recursos educativos abertos, relacionados “coa ensinanza aos estudantes sobre as técnicas de xestión do estrés”, fai á súa vez que outro dos obxectivos do proxecto, como sinalan os seus responsables, sexa precisamente o de “contribuír á alfabetización en saúde mental na educación escolar”. Do mesmo xeito, o proxecto busca tamén “apoiar aos profesores no deseño e experiencias de aprendizaxe máis inclusivas para os seus alumnos”, promovendo que as e os participantes “apliquen as directrices do deseño universal para a aprendizaxe aos redeseños que creen”.