A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra acolleu o xoves, 12 de decembro, a última sesión das Xornadas informativas sobre as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025 e Europa Creativa. Organizadas pola Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa da UVigo, estas xornadas percorreron os tres campus para achegar á comunidade universitaria as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025 e doutros programas europeos, como Europa Creativa e o Programa CERV, con participación presencial e virtual.
Tras a sesión celebrada ese mesmo día pola mañá no Campus de Vigo, o evento continuou en Pontevedra, concretamente no Seminario 13 da Facultade de Comunicación. A xornada foi inaugurada por Eva María Lantarón Caeiro, Vicerreitora do Campus de Pontevedra, quen destacou a importancia da implicación dos investigadores para impulsar proxectos internacionais: “Sabemos que é un traballo complicado, pero co apoio da OPI e do seu equipo técnico e administrativo, queremos facilitar esta labor. Ás veces á primeira non vai, pero é unha carreira de fondo que temos que percorrer para ser cada vez máis competitivos”, afirmou. A vicerreitora tamén subliñou o papel esencial da investigación para fortalecer a especialización do Campus de Pontevedra en creatividade, animando aos investigadores a contribuír para facer realidade este obxectivo estratéxico.
Entre os temas tratados, Eva Garea Oya, Directora da OPI-Área educativa, explicou as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025, os calendarios de presentación de propostas nas accións KA2, KA3 e Jean Monnet, e as novas oportunidades do Programa Europa Creativa e do Programa CERV. Lorena Diana Gatea, Técnica de Promoción de Proxectos Internacionais, destacou as oportunidades que ofrecen as Asociacións de Cooperación e a Pequena Escala (KA2). A continuación, Alberto Rellán López, Técnico de Promoción no Campus de Pontevedra, afondou nas convocatorias Erasmus+ Sports, que inclúen accións como Capacity Building e Acontecementos Deportivos Europeos sen ánimo de lucro. Tamén presentou as iniciativas Innovation Lab e Media Literacy dentro do programa Europa Creativa, enfocadas á innovación e á alfabetización mediática.
A xornada pechouse cun espazo de preguntas e conclusións, no que se animou aos asistentes a aproveitar as ferramentas e o apoio institucional para participar con éxito nas convocatorias europeas..
Con esta última sesión en Pontevedra, a UVigo culminou unha semana de encontros nos seus tres campus. Estas xornadas destacaron pola súa diversidade temática, abordando oportunidades en múltiples ámbitos, desde a educación e a formación ata o deporte, a innovación e a cultura, ofrecendo ferramentas para o desenvolvemento de proxectos europeos de alto impacto.
As presentacións están dispoñibles na web da OPI, sección Xornadas formativas propias.