Xornadas na UVigo sobre financiamento europeo e Erasmus+ 2025

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 82

A Oficina de Proxectos Internacionais-Área Educativa da Universidade de Vigo deu continuidade ás Xornadas informativas sobre as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025 e Europa Creativa que percorren os tres campus da UVigo. Tras o inicio en Ourense, a segunda sesión celebrouse o xoves 12 de decembro no Campus de Vigo, concretamente na Aula de Grao da Escola de Enxeñaría Industrial, con participación presencial e a opción de seguimento en liña a través do Campus Remoto.

A xornada foi inaugurada por María Belén Rubio Armesto, Vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación quen animou a toda a comunidade universitaria a presentar proxectos internacionais, destacando o respaldo continuo que ofrece a OPI: “Desde 2020, levamos desenvolvidos máis de 172 proxectos internacionais de educación, o que tamén se reflicte no incremento das publicacións con autoría estranxeira cada ano”, sinalou. Ademais, subliñou a importancia da colaboración coa alianza europea Athena e das relacións establecidas con países de América Latina, Asia e outras rexións. “A clave do éxito moitas veces depende do país co que fagamos matching”, engadiu, poñendo en valor o papel das redes internacionais na consecución de proxectos exitosos.

A continuación, Eva Garea Oya, Directora da Oficina de Proxectos Internacionais-Área educativa, presentou as novidades das convocatorias Erasmus+ 2025 e do Programa Europa Creativa e Programa CERV. Entre outros puntos, abordouse o calendario de presentación de propostas nas accións KA2, KA3 e Jean Monnet, destacando as principais actualizacións e oportunidades para captar financiamento europeo.

Na segunda parte da sesión, Elisabet López Regueira, Técnica de Promoción de Proxectos Internacionais, presentou as posibilidades que ofrece o programa Erasmus+ para Capacity Building no ámbito da Educación e Formación Profesionais (CB VET). Pola súa banda, Lorena Diana Gatea, tamén Técnica de Promoción, tratou as Asociacións para a Excelencia, facendo especial fincapé nos Centros de Excelencia Profesionais (CoVE) e nas Teachers Academies, accións enfocadas en mellorar a calidade e a innovación na educación.

A programación concluíu cun espazo de debate, onde os participantes puideron plantexar preguntas e comentar ideas sobre os proxectos e as convocatorias analizadas.

As xornadas rematarán no Campus de Pontevedra, cunha última sesión na Facultade de Comunicación. Esta tamén poderá seguirse en liña a través do Campus Remoto.

As presentacións están dispoñibles na web da OPI, sección Xornadas formativas propias.